Anuncios de versiónsPlasma 5.11

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Galician | Italiano | Nederlands | Português | Svenska | Українська

Plasma 5.11
KDE Plasma 5.11

Martes, 10 de outubro de 2017. Hoxe KDE publica o seu lanzamento de funcionalidades de Plasma de outono, KDE Plasma 5.11. Plasma 5.11 trae unha aplicación de configuración cun novo deseño, notificacións melloradas e un xestor de tarefas máis potente. Plasma 5.11 é o primeiro lanzamento que contén o novo «Vault», un sistema para permitir aos usuarios cifrar e abrir conxuntos de documentos dunha maneira segura e fácil, o que converte a Plasma nunha escolla excelente para xente que xestiona información privada e confidencial.


Novo deseño da configuración do sistema

Novo deseño da configuración do sistema

O novo deseño da interface de usuario da configuración do sistema permite acceder de maneira máis fácil a opcións habituais. É o primeiro paso de cara a facilitar a navegación e o uso desta aplicación de uso habitual pero complexo. O novo deseño engádese como opción, os usuarios que prefiren a icona anterior ou vistas de árbore poden volver ao seu método de navegación preferido.


Historial de notificacións

Historial de notificacións

Por demanda popular, as notificacións almacenan notificacións perdidas e caducadas nun historial. Esta é a primeira parte dun esforzo continuado para modernizar o sistema de notificacións de Plasma. Isto permite aos usuarios sobrepor o comportamento de aplicacións que non marcan as súas notificacións como persistentes, e e ver o que ocorre na súa ausencia.


Melloras do xestor de tarefas

Kate con accións de lista de salto de sesións

O xestor de tarefas de Plasma estabelece os cimentos para permitir que as aplicacións fornezan accións de lista de salto dinámicas. En Plasma 5.10 as aplicacións tiñan que definir accións adicionais engadidas ás súas entradas de tarefas de maneira estática. As novas funcións permiten que as aplicacións fornezan acceso a funcións internas (como a lista de sesións de editores de texto, opcións para cambiar a aplicación ou o estado do documento, etc.) segundo o que a aplicación está a facer nun momento dado. Ademais agora pódense recolocar as xanelas nos grupos emerxentes, o que permite aos usuarios facer máis previsíbel a orde das aplicacións que teñen abertas. Ademais de todos os cambios, mellorouse o rendemento do xestor de tarefas para traballar de maneira máis fluída.


Plasma Vault

Plasma Vault almacena ficheiros de maneira segura

O novo Plasma Vault ofrece fortes funcionalidades de cifrado para usuarios que adoitan xestionar información sensíbel, confidencial ou privada, e fainas fáciles de usar. Plasma Vault permite bloquear e cifrar conxuntos de documentos e ocultalos de ollos alleos incluso cando o usuario ten a sesión iniciada. Estas «caixas fortes» poden descifrarse e abrirse facilmente. Plasma Vault estende a funcionalidade de actividades de Plasma con almacenamento seguro.


Melloras do menú de inicio de aplicacións

Editar as entradas das aplicacións directamente desde o menú.
  
Kicker sen barra lateral

Os resultados das buscas dos iniciadores recibiron melloras que antes só estaban dispoñíbeis para aplicacións listadas no menú. Xa non necesita buscar manualmente unha aplicación só para editalo ou instalalo. Agora o iniciador de aplicacións Kicker agocha a súa barra lateral se non hai favoritos presentes, resultando nunha aparencia máis limpa. Tamén permite escoller unha icona do tema de iconas actual en vez de só escoller entre as imaxes do disco duro. Agora pode ter distintos favoritos por actividade.

Agora os distintos menús de aplicacións comparten que aplicacións se listan como favoritas para que non perda a súa configuración se decide cambiar de iniciador.


Vista de cartafoles

A vista de cartafol, que se converteu na disposición de escritorio predeterminada en Plasma 5.10, recibiu moitas melloras baseadas no que nos comentaron os usuarios. Permite máis atallos de teclado, como Ctrl+A para seleccionalo todo, e reparte as iconas de maneira máis informe na zona visíbel para evitar ocos desagradábeis nos bordos dereito e inferior da pantalla. Ademais acelerouse o inicio e interactuar coas iconas provoca un menor acceso ao disco.


Wayland

Unha xanela de aplicación, dous monitores, dous DPIs

Wayland é a seguinte xeración de tecnoloxía de servidor de pantalla que está a introducirse nos escritorios de Linux. Wayland permite unha mellor calidade visual e un consumo de recursos menor ao tempo que fornece máis seguridade coas súas semánticas de protocolo máis claras. A funcionalidade máis salientable dunha sesión completa de Wayland son gráficos cun mellor rendemento, que se traducen nunha experiencia de usuario superior. A compatibilidade de Plasma con Wayland leva moito tempo en progreso, e se ben aínda non pode substituír completamente a X11, cada vez son máis os usuarios que gozan de Wayland no seu día a día.

Traballouse a reo en facer Plasma compatíbel con Wayland. Agora KWin, o compositor de Wayland de Plasma, pode cambiar automaticamente a escala segundo a densidade de píxeles das pantallas e incluso facelo de maneira individual para cada pantalla. Isto mellorará de maneira significativa a experiencia de usuario en configuracións con varios monitores, como cando se conecte un monitor externo normal a un portátil moderno de alta resolución. Ademais, as aplicacións vellas incompatíbeis con esta funcionalidade poden cambiarse de escala para continuar sendo lexíbeis.

Comezou o traballo para permitir un ambiente sen X, iniciando a capa de compatibilidade Xwayland só cando unha aplicación o necesita. Co tempo isto traerá consigo unha mellora de seguranza e rendemento, e reducirá o consumo de recursos. Ademais agora pódese usar ConsoleKit2 en vez de logind para configurar unha sesión de Wayland, estendendo así o número de plataformas compatíbeis.

Entre as melloras adicionais están:


Historial de cambios completo en Plasma 5.11

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro do programa de apoio de KDE e.V.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como Internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org