KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 17.12.0 das aplicacións de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Galician | Italiano | 한국어 | Nederlands | Português | Svenska | Українська

14 de decembro de 2017. Publicouse a versión 17.12.0 das aplicacións de KDE.

Traballamos continuamente en mellorar o software que se inclúe nas aplicacións de KDE, e esperamos que as novas melloras e correccións de fallos lle resulten de utilidade!

Novidades da versión 17.12 das aplicacións de KDE

Sistema

Agora Dolphin, o noso xestor de ficheiros, pode gardar buscas e limitar a busca a cartafoles. Agora cambiar ficheiros de nome é máis fácil; non ten máis que facer clic duplo no nome de ficheiro. Agora ten máis información de ficheiro a man, pois tamén se mostran no panel de información a data de modificación e a URL de orixe dos ficheiros descargados. Ademais introducíronse novas columnas de xénero, taxa de bits e ano de publicación.

Gráficos

O noso potente visor de documentos, Okular, é agora compatíbel con pantallas de DPI alto e a linguaxe Markdown, e a renderización de documentos que son lentos de cargar móstrase agora de maneira progresiva. Agora hai unha opción dispoñíbel para compartir un documento por correo electrónico.

Agora o visor de imaxes Gwenview pode abrir e realzar imaxes no xestor de ficheiros, a ampliación funciona mellor, mellorouse a navegación co teclado, e agora é compatíbel cos formatos FITS e Truevision TGA. Agora as imaxes non poden eliminarse accidentalmente coa tecla Supr se non están seleccionadas.

Son e vídeo

Agora Kdenlive usa menos memoria ao xestionar proxectos de video que inclúen moitas imaxes, os perfís de proxy predeterminados redefiníronse, e corrixiuse un fallo molesto relacionado con saltar un segundo cara adiante ao reproducir cara atrás.

Utilidades

Mellorouse a compatibilidade de Ark con ZIP da infraestrutura de libzip. Kate ten un novo complemento de vista previa que lle permite ver unha vista previa en tempo real do documento de texto no seu formato final, aplicando calquera complemento de KParts dispoñíbel (p. ex. Markdown, SVG, gráfico Dot, Qt UI ou parches). Este complemento tamén funciona en KDevelop.

Desenvolvemento

Agora Kompare fornece un menú contextual na zona de diferenzas que permite un acceso rápido ás accións de navegación e modificación. Se programa, quizais lle interese a nova vista previa en panel de KUIViewers de obxectos de interface gráfica definidos en ficheiros de interface gráfica de Qt (trebellos, diálogos, etc.). Ademais agora é compatíbel coa API de emisión de KParts.

Oficina

O equipo de Kontact estivo traballando a reo en mellorar e refinar. Traballouse moito e modernizar o código, pero os usuarios notarán que se mellorou a visualización das mensaxes cifradas e engadiuse compatibilidade con text/pgp e Apple® Wallet Pass. Agora hai unha opción para seleccionar un cartafol de IMAP durante a configuración das vacacións, hai un novo aviso en KMail cando se abre de novo unha mensaxe ou a identidade e o transporte de correo non coinciden, a nova compatibilidade con Microsoft® Exchange™, compatibilidade con Nylas Mail e unha importación melloradas de Geary no asistente de importación de Akonadi, xunto con varias outras correccións de fallos e melloras xerais.

Xogos

Agora KTuberling pode chegar a unha maior audiencia, xa que se migrou a Android. Kolf, KsirK e Palapeli completan a migración de xogos de KDE á versión 5 das infraestruturas.

Máis adaptación á versión 5 da infraestrutura de KDE

Aínda máis aplicacións que estaban baseadas en kdelibs4 migráronse á versión 5 das infraestruturas de KDE. Entre elas están o reprodutor de música JuK, o xestor de descargas KGet, KMix, ferramentas como Sweeper e KMouth, e KImageMapEditor e Zeroconf-ioslave. Moitas grazas aos desenvolvedores que traballaron duramente doando o seu tempo e traballo para facer isto posíbel!

As aplicacións adquiren un calendario de publicación de seu

Agora KStars ten un calendario de publicación de seu; revise este blog de desenvolvedor para máis novas. Cómpre aclarar que varias aplicacións, como Kopete e Blogilo, xa non se distribúen coa serie de aplicacións, dado que aínda non se migraron á versión 5 das infraestruturas de KDE, ou de momento non están activamente mantidas.

Destrución de fallos

Solucionáronse máis de 110 fallos en aplicacións como, entre outros, a colección de Kontact, Ark, Dolphin, Gwenview, K3b, Kate, Kdenlive, Konsole, Okular e Umbrello!

Historial completo de cambios

Se quere saber máis sobre os cambios desta versión, consulte a lista completa de cambios. Aínda que a súa anchura pode intimidar, a lista de cambios pode ser unha forma excelente de aprender sobre as partes internas de KDE e descubrir aplicacións e funcionalidades que descoñecía.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos xogan un papel importante no éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con enormes presupostos de mercadotecnia para novas versións do seu software, KDE adoita depender de que se corra a voz.

Hai moitos xeitos de apoiar a versión 17.12 das aplicacións de KDE: pode informar de fallos, animar a outros a unirse á comunidade KDE, ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Axúdenos a correr a voz na rede social. Pode enviar historias a sitios de novas como Reddit, Facebook e Twitter; enviar capturas de pantalla da súa nova configuración de servizos como Snapchat, Instagram e Google+; iy crear vídeos de pantalla e envialos a YouTube, Blip.tv e Vimeo, ou emitilos en directo por Twitch!

Lembre etiquetar as súas publicacións e enviar os materiais coa palabra KDE, xa que fai máis doado atopalas e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 17.12 das aplicacións de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 17.12 das aplicacións de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 17.12 das aplicacións de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 17.12 das aplicacións de KDE

O código fonte completo da versión 17.12 das aplicacións de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 17.12.0 das aplicacións de KDE están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como Internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais