KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 17.08.0 das aplicacións de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Galician | 한국어 | Nederlands | Português | Svenska | Українська

17 de agosto de 2017. Chegou a versión 17.08 das aplicacións de KDE. Traballamos en estabilizar e facilitar o uso tanto das aplicacións como das bibliotecas que usan. Solucionando pequenos problemas e escoitando as vosas experiencias fixemos que a colección de aplicacións de KDE falle menos e sexa máis fácil de usar. Goce das novas aplicacións!

Máis adaptación á versión 5 da infraestrutura de KDE

Alégranos anunciar que as seguintes aplicacións, que estaban baseadas en KDE Libs 4, están agora baseadas na versión 5 das infraestruturas de KDE: KMag, KMouseTool, KGoldRunner, Kigo, Konquest, KReversi, KSnakeDuel, KSpaceDuel, KSudoku, Kubrick, LSkat e Umbrello. Grazas aos desenvolvedores que traballaron voluntariamente para conseguilo.

Novidades da versión 17.08 das aplicacións de KDE

Dolphin

Os desenvolvedores de Dolphin informan de que agora Dolphin mostra a «Data de eliminación» no lixo, e mostra a «Data de creación» se o sistema operativo o permite, como no caso de BSD.

KIO-Extras

Agora Kio-Extras funciona mellor con comparticións de Samba.

KAlgebra

Os desenvolvedores de KAlgebra traballaron en mellorar a súa interface de Kirigami no escritorio e incluíron a funcionalidade de completado de código.

Kontact

  • Os desenvolvedores activaron de novo en KMailtransport a compatibilidade co transporte de Akonadi, os complementos creados e o transporte de correo de sendmail recreado.
  • Corrixíronse e pecháronse moitos fallos dos scripts de creación automática de SieveEditor. Xunto coas correccións xerais de fallos engadiuse un editor de liña de expresións regulares.
  • A funcionalidade de usar un editor externo en KMail creouse de novo en forma de complemento.
  • Agora o asistente de importación de Akonadi ten o «convertedor de convertelo todo» como complemento, para que os desenvolvedores poidan crear novos convertedores facilmente.
  • Agora as aplicacións dependen de Qt 5.7. Os desenvolvedores corrixiron unha morea de erros de compilación en Windows. Non todo KDE PIM compila en Windows aínda pero os desenvolvedores progresaron moito. Para empezar, os desenvolvedores crearon unha receita de Craft para KDE PIM. Fixéronse moitas correccións de fallos para modernizar código (C++11). Compatibilidade con Wayland en Qt 5.9. Engadiuse un recurso de Facebook a kdepim-runtime.

Kdenlive

En Kdenlive o equipo corrixiu o «efecto de conxelación», que estaba roto. En versións recentes non foi posíbel cambiar o fotograma conxelado para o efecto de conxelación. Agora permítese o atallo de teclado da funcionalidade de extraer un fotograma. Agora o usuario pode gardar capturas de pantalla da súa liña de tempo cun atallo de teclado, e agora suxírese un nome segundo o número de fotogramas https://bugs.kde.org/show_bug.cgi?id=381325. Corrixir que a transición descargada non apareza na interface: https://bugs.kde.org/show_bug.cgi?id=382451. Corrixir o problema dos clic de son (de momento, require construír a dependencia MLT a partir de Git ata que se publique unha nova versión de MLT): https://bugs.kde.org/show_bug.cgi?id=371849.

Krfb

Os desenvolvedores remataron de migrar os complementos de X11 a Qt 5, e krfb volve funcionar usando unha infraestrutura de X11 que é moito máis rápida que o complemento de Qt. Hai unha nova páxina de configuración, permitindo ao usuario cambiar o complemento de búfer de fotogramas preferido.

Konsole

Agora Konsole permite un desprazamento ilimitado para estender alén do límite de 2 GB (32 bits). Agora Konsole permite aos usuarios escribir calquera lugar para almacenar os ficheiros de desprazamento. Ademais corrixiuse unha regresión, Konsole volve permitir a KonsolePart chamar ao diálogo de xestión de perfís.

KAppTemplate

Agora en KAppTemplate hai unha opción para instalar novos modelos desde o sistema de ficheiros. Hai máis modelos que se retiraron de KAppTemplate e se integraron no seu lugar nos produtos relacionados; o modelo de complemento de ktexteditor e o de kpartsapp (agora migrado a Qt 5 e KF5) forman agora parte das infraestruturas de KDE KTextEditor e KParts desde 5.37.0. Estes cambios deberían simplificar a creación de modelos nas aplicacións de KDE.

Destrución de fallos

Solucionáronse máis de 80 fallos en aplicacións como, entre outros, a colección Kontact, Ark, Dolphin, K3b, Kdenlive, KGpg e Konsole!

Historial completo de cambios

Se quere saber máis sobre os cambios desta versión, consulte a lista completa de cambios. Aínda que a súa anchura pode intimidar, a lista de cambios pode ser unha forma excelente de aprender sobre as partes internas de KDE e descubrir aplicacións e funcionalidades que descoñecía.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos xogan un papel importante no éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con enormes presupostos de mercadotecnia para novas versións do seu software, KDE adoita depender de que se corra a voz.

Hai moitos xeitos de apoiar a versión 17.08 das aplicacións de KDE: pode informar de fallos, animar a outros a unirse á comunidade KDE, ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Axúdenos a correr a voz na rede social. Pode enviar historias a sitios de novas como Reddit, Facebook e Twitter; enviar capturas de pantalla da súa nova configuración de servizos como Snapchat, Instagram e Google+; iy crear vídeos de pantalla e envialos a YouTube, Blip.tv e Vimeo, ou emitilos en directo por Twitch!

Lembre etiquetar as súas publicacións e enviar os materiais coa palabra KDE, xa que fai máis doado atopalas e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 17.08 das aplicacións de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 17.08 das aplicacións de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 17.08 das aplicacións de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 17.08 das aplicacións de KDE

O código fonte completo da versión 17.08 das aplicacións de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 17.08.0 das aplicacións de KDE están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como Internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais