KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 17.04.0 das aplicacións de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Español | Galician | Nederlands | Português | Svenska | Українська

20 de abril de 2017. Chegou a versión 17.04 das aplicacións de KDE. En xeral traballamos en estabilizar e facilitar o uso tanto das aplicacións como das bibliotecas que usan. Solucionando pequenos problemas e escoitando as vosas experiencias fixemos que a colección de aplicacións de KDE falle menos e sexa máis fácil de usar.

Goce das súas novas aplicacións!

KAlgebra

Os desenvolvedores de KAlgebra están traballando na converxencia, e migraron a versión para móbiles do programa educativo a Kirigami 2.0, a infraestrutura preferida para integrar aplicacións de KDE con plataformas de escritorio e móbiles.

Ademais, a versión de escritorio tamén se migrou a infraestrutura de 3D a GLES, o software que permite que o programa renderize funcións 3D tanto no escritorio como en dispositivos móbiles. Isto simplifica o código e faino máis fácil de manter.

Kdenlive

O editor de vídeo de KDE está estabilizándose e aumentando as súas funcionalidades con cada nova versión. Esta vez os desenvolvedores cambiaron o deseño do diálogo de selección de perfil para facer máis doado definir o tamaño de pantalla, a taxa de fotogramas e outros parámetros do filme.

Agora tamén pode reproducir o seu vídeo directamente desde a notificación cando remata a renderización. Corrixíronse algunhas quebras que se producían ao mover fragmentos na liña de tempo, e mellorouse o asistente de DVD.

Dolphin

O noso explorador de ficheiros favorito e portal para todo (salvo, quizais, o inframundo) recibiu varios cambios de deseño e melloras de facilidade de uso para facer que sexa aínda máis potente.

Limpáronse os menús contextuais do panel de Lugares (situado de maneira predeterminada á esquerda da zona de visualización principal), e agora pódese interactuar cos trebellos de metadatos nos consellos. Os consellos, por certo, xa funcionan tamén en Wayland.

Ark

A popular aplicación gráfica para crear, descomprimir e xestionar arquivos comprimidos de ficheiros e cartafoles inclúe agora unha función de Busca para axudarlle a atopar ficheiros en arquivos que teñan moitos.

Tamén lle permite activar e desactivar complementos directamente desde o diálogo de Configurar. Falando de complementos, o novo complemento de Libzip mellora a compatibilidade con arquivos Zip.

Minuet

Se está ensinando ou aprendendo música, ten que probar Minuet. A nova versión permite máis exercicios de escalas e tarefas de adestramento de oído para escalas bebop, harmónica menor e maior, pentatónica e simétrica.

Tamén pode definir ou coller probas usando o novo modo de probas para responder a exercicios. Pode monitorizar o seu progreso executando unha secuencia de 10 exercicios e ao rematar obterá estatísticas de taxa de golpe.

E máis!

Okular, o visor de documentos de KDE, tivo polo menos unha ducia de cambios que engaden funcionalidades e melloran a súa facilidade de uso en pantallas táctiles. Akonadi e varias outras aplicacións que conforman Kontact (a colección de correo electrónico, calendario e software para grupos de KDE) revisáronse, depuráronse e optimizáronse para axudarlle a mellorar a súa produtividade.

Kajongg, KCachegrind e máis (notas de publicación) migráronse á versión 5 das infraestruturas de KDE. Estamos desexosos de recibir os seus comentarios e opinións sobre as novas funcionalidades introducidas nesta versión.

K3b uniuse á publicación das aplicacións de KDE.

Destrución de fallos

Solucionáronse máis de 95 fallos en aplicacións como, entre outras, Kopete, KWalletManager, Marble e Spectacle!

Historial completo de cambios

Se quere saber máis sobre os cambios desta versión, consulte a lista completa de cambios. Aínda que a súa anchura pode intimidar, a lista de cambios pode ser unha forma excelente de aprender sobre as partes internas de KDE e descubrir aplicacións e funcionalidades que descoñecía.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos xogan un papel importante no éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con enormes presupostos de mercadotecnia para novas versións do seu software, KDE adoita depender de que se corra a voz.

Hai moitos xeitos de apoiar a versión 17.04 das aplicacións de KDE: pode informar de fallos, animar a outros a unirse á comunidade KDE, ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Axúdenos a correr a voz na rede social. Pode enviar historias a sitios de novas como Reddit, Facebook e Twitter; enviar capturas de pantalla da súa nova configuración de servizos como Snapchat, Instagram e Google+; iy crear vídeos de pantalla e envialos a YouTube, Blip.tv e Vimeo, ou emitilos en directo por Twitch!

Lembre etiquetar as súas publicacións e enviar os materiais coa palabra KDE, xa que fai máis doado atopalas e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 17.04 das aplicacións de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 17.04 das aplicacións de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 17.04 das aplicacións de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 17.04 das aplicacións de KDE

O código fonte completo da versión 17.04 das aplicacións de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 17.04.0 das aplicacións de KDE están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como Internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais