KDE • Community • Announcements
DOE (Por que?)
paypal

KDE publica a versión 15.12.0 das aplicacións de KDE

Tamén dispoñíbel en:

English | Català | Español | Galician | Nederlands | Polski | Português | Português brasileiro | Svenska | Українська

16 de decembro de 2015. Hoxe KDE publicou a versión 15.12 das aplicacións de KDE.

En KDE alégranos anunciar a publicación da versión 15.12 das aplicacións de KDE, a actualización de decembro de 2015 das aplicacións de KDE. Esta versión trae unha nova aplicación e o engadido de funcionalidades e correccións de fallos en varias áreas de aplicacións existentes. O equipo loita por traer sempre a mellor calidade ao seu escritorio e estas aplicacións, así que contamos con vostede para comentarnos a súa experiencia.

Nesta versión actualizamos toda unha hoste de aplicacións para usar a nova versión 5 das infraestruturas de KDE, incluíndo Artikulate, Krfb, KSystemLog, Klickety e máis xogos de KDE, aparte da interface de complementos de imaxes de KDE e as bibliotecas de asistencia. Isto eleva a 126 o número total de aplicacións que usan a versión 5 das infraestruturas de KDE.

Un engadido espectacular

Tras 14 anos de ser parte de KDE, KSnapshot retirouse e substituíuse por unha nova aplicación de capturas de pantalla: Spectacle.

Con novas funcionalidades e unha interface de usuario completamente nova, Spectable fai sacar capturas de pantalla todo o fácil e simple que pode ser. Ademais do que xa permitía KSnapshot, agora con Spectacle pode sacar capturas de pantalla compostas de menús emerxentes xunto coas xanelas ás que pertencen, ou sacar capturas de toda a pantalla (ou da xanela activa) sen sequera iniciar Spectacle, usando simplemente os atallos de teclado Maiús+ImprPant e Meta+ImprPant respectivamente.

Tamén optimizamos de maneira significativa o tempo de inicio para minimizar en gran medida o tempo que pasa desde que se inicia a aplicación ata que se captura a imaxe.

Todo ben pulido

Neste ciclo pulíronse de maneira significativa moitas das aplicacións, ademais de correccións de estabilidade e fallos.

Kdenlive coa súa interface de usuario pulida

Kdenlive, o editor de vídeo non lineal, recibiu grandes correccións na súa interface de usuario. Agora pode copiar e pegar elementos na liña de tempo e conmutar facilmente a transparencia nunha pista. As cores das iconas axústanse automaticamente ao tema da interface de usuario principal, facéndoos máis doados de ver.

Agora Ark pode mostrar comentarios de ZIP

Agora Ark, o xestor de arquivos, pode mostrar os comentarios incrustados arquivos ZIP e RAR. Melloramos a compatibilidade con caracteres de Unicode en nomes de ficheiros de arquivos ZIP, e agora pode detectar arquivos corrompidos e recuperar todos os datos posíbeis deles. Tamén pode abrir ficheiros arquivados na súa aplicación predeterminada, e corriximos a funcionalidade de arrastrar e soltar no escritorio así como vistas previas para ficheiros XML.

Moito xogar e pouco traballar

Nova pantalla de benvida de KSudoku (nun Mac OS X)

Os desenvolvedores dos xogos de KDE estiveron traballando duramente durante os últimos meses para optimizar os nosos xogos e fornecer así unha experiencia máis agradábel e rica, e temos moitas cousas nesta área para o goce dos nosos usuarios.

Engadimos dous grupos de niveis adicionais a KGoldrunner, un que permite cavar mentres se cae e outro que non. Engadimos solucións para varios conxuntos de niveis existentes. Para un maior nivel de esixencia, agora non permitimos cavar mentres se cae nalgúns conxuntos de niveis anteriores.

Agora en KSudoku pode imprimir quebracabezas matesdoku e sudoku imposíbel. A nova disposición de varias columnas na pantalla de benvida de KSudoku facilita ver máis dos moitos tipos de quebracabezas dispoñíbeis, e as columnas axústanse automaticamente cando se cambian de tamaño as xanelas. Fixemos o mesmo con Palapeli, facilitando ver máis coleccións de quebracabezas jigsaw ao mesmo tempo.

Tamén incluímos correccións de estabilidade para xogos como KNavalBattle, Klickety, KShisen e KTuberling, e a experiencia xeral mellorouse de maneira significativa. Ademais KTuberling, Klickety e KNavalBattle actualizáronse para usar a nova versión 5 das infraestruturas de KDE.

Correccións importantes

Non odia cando a súa aplicación preferida quebra no peor momento? Nós tamén, e para remedialo traballamos moi duro en solucionar moreas de fallos para vostede, pero probablemente se nos escapase algún, así que non esqueza informar deles!

No noso xestor de ficheiros Dolphin incluímos varias correccións de estabilidade e algunhas correccións para mellorar o desprazamento. En Kanagram corriximos un problema incómodo cos textos branco sobre fondo branco. En Kate intentamos corrixir unha quebra que ocorría ao apagar, ademais de limpar a interface de usuario e engadir un novo limpador de caché.

A colección Kontact engadíronse moreas de funcionalidades, grandes correccións e optimizacións de rendemento. De feito traballamos tanto neste ciclo de desenvolvemento que aumentamos o número de versión ao 5.1. O equipo está a traballar duramente e desexoso de saber das súas opinións e experiencias.

Avanzando

Como parte do esforzo para modernizar os nosos produtos retiramos algúns aplicativos dos aplicativos de KDE e xa nos os publicamos como parte da versión 15.12 das aplicacións de KDE

Retiramos 4 aplicacións da publicación: Amor, KTux, KSnapshot e SuperKaramba. Como se indicou antes, a KSnapshot substituíuno Spectacle, e Plasma é en esencia un substituto para SuperKaramba como motor de trebellos. Retiramos os protectores de pantalla independentes porque o bloque de pantalla se xestiona dun xeito moi distinto nos escritorios modernos.

Tamén retiramos 3 paquetes de arte (kde-base-artwork, kde-wallpapers and kdeartwork); o seu contido había tempo que non cambiaba.

Historial completo de cambios

Pode atopar a lista completa de cambios aquí.

Correr a voz

Os colaboradores non técnicos son unha parte importante do éxito de KDE. Mentres que as compañías de software privativo contan con grandes presupostos para novas publicacións de software, KDE depende de que as persoas falen entre elas. Incluso para aquelas persoas que non son desenvolvedoras de software existen moitas formas de apoiar a versión 15.12 das aplicacións de KDE. Informar de fallos. Animar a outros a unirse á comunidade KDE. Ou apoiar a organización sen ánimo de lucro que hai tras a comunidade KDE.

Corra a voz na web social. Envíe historias a sitios de novas, use canles como Delicious, Digg, Reddit e Twitter. Envíe capturas de pantalla da súa nova confirmación a servizos como Facebook, Flickr, Ipernity e Picasa, e publíqueos nos grupos axeitados. Cree vídeos de pantalla e envíeos a YouTube, Blip.tv e Vimeo. Etiquete as súas publicacións e materiais enviados con «KDE». Isto facilita atopalos e permite ao equipo de promoción de KDE analizar a cobertura da versión 15.12 das aplicacións de KDE.

Instalar os paquetes binarios da versión 15.12 das aplicacións de KDE

Paquetes. Algúns fabricantes de sistemas operativos Linux e UNIX teñen a xenerosidade de fornecer paquetes binarios da versión 15.12 das aplicacións de KDE para algunhas versións das súas distribucións, e noutros casos o traballo fixérono voluntarios das súas comunidades. Nas próximas semanas poderían publicarse paquetes binarios adicionais e actualizacións dos paquetes xa dispoñíbeis.

Lugares dos paquetes. Para unha lista actual de paquetes binarios dispoñíbeis dos que o proxecto KDE ten coñecemento, visite o wiki da comunidade.

Compilar a versión 15.12 das aplicacións de KDE

O código fonte completo da versión 15.12 dos aplicativos de KDE pode descargarse libremente. Na páxina de información da versión 15.12.0 das aplicacións de KDE.están dispoñíbeis as instrucións para compilar e instalar.

Apoiar KDE

KDE é unha comunidade de software libre que existe e medra grazas á axuda de moitos voluntarios que doan o seu tempo e esforzo. KDE busca sempre novos voluntarios e colaboradores, xa sexa programando, corrixindo fallos ou informando deles, escribindo documentación, traducións, promoción, cartos, etc. Todas as contribucións se agradecen e acéptanse de boa gana. Consulte a páxina de apoio a KDE para máis información ou convértase nun membro colaborador de KDE e.V. a través da nosa nova iniciativa Join the Game.

Sobre KDE

KDE é un equipo internacional de tecnoloxía que crea software libre e de código aberto para o escritorio e computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE hai un sistema de escritorio moderno para Linux e plataformas UNIX, coleccións de software de produtividade na oficina e traballo en grupos e centos de títulos de software de moitas categorías como Internet e aplicacións web, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido a máis de 60 idiomas e está construído para ser fácil de usar e tendo en conta os principios de accesibilidade modernos. As potentes aplicacións de KDE execútanse de maneira nativa en Linux, BSD, Solaris, Windows e Mac OS X.


Notas de marca rexistrada. Os logos de KDE® e o K Desktop Environment® son marcas rexistradas de KDE e.V. Linux é unha marca rexistrada de Linus Torvalds. UNIX é unha marca rexistrada de The Open Group nos Estados Unidos e outros países. O resto de marcas e dereitos de copia aos que se fai referencia neste anuncio son propiedade dos seus respectivos propietarios.


Contactos de prensa

Para máis información envíenos unha mensaxe de correo electrónico:
press@kde.org

Ligazóns de navegación globais